Eleccións municipais 2023

candidatura_2023_01_02
Foto de grupo da candidatura do BNG de Outes nas eleccións municipais do 2023

Outes é a terra que nos veu nacer, medrar e soñar. Unha terra chea de oportunidades que están agardando a ser aproveitadas. Queremos liderar o goberno de Outes para xerar oportunidades económicas, facer que cada vez máis xente viva aquí, gobernar coa veciñanza, poñer en marcha novos servizos públicos, defender o noso e facer desta terra un referente en todo o país. Compartimos convosco o noso vídeo principal de campaña: o goberno que Outes merece.

Merecemos un concello ben coidado, tamén nas parroquias

Crearemos un plan de mantemento das estradas, desbroce de cunetas, paseos e coidado infraestructuras públicas. Melloraremos osespazos públicos que se atopen en mal estado e humanizaremos as nosas rúas. Investiremos no saneamento integral das augas residuais. Faremos un arranxo integral da piscina.

Merecemos máis servizos públicos

Incrementaremos as prazas na escola infantil e reforzaremos o Servizo de Axuda no Fogar. Promoveremos a creación dunha residencia pública para maiores. Crearemos un servizo de transporte municipal que conecte todos os lugares coa Serra, para facilitar as xestións, visitas médicas, compras,etc.

Merecemos un concello no que traballar e vivir

Crearemos unha bolsa de vivenda en aluguer e promoveremos vivenda pública para asentar poboación. Promoveremos un turismo de natureza, potenciando as rutas de sendeirismo co arranxo de elementos patrimoniais, con deportes fluviais e marítimos. Pediremos ciclos de FP no IES en sectores con futuro.

Merecemos ser un concello referente

Iremos máis alá de arranxar os problemas urxentes que afectan á poboación. Queremos que Outes sexa un referente de bo goberno como xa é o BNG en Mazaricos. Destacando polos bos servizos e xestión. Melloraremos a oferta cultural e deportiva, apoiando ás nosas asociacións.

Merecemos unha xestión municipal que permita a participación

Para garantir a participación de toda a veciñanza, crearemos os Consellos Parroquiais, reunindonos de forma periódica con eles para atender as necesidades específicas de cada lugar. Crearemos as Asembleas Sectoriais para dinamizar a participación dos diferentes sectores profesionais e entidades.

Outes merece máis

Outes ten futuro e ten moito potencial que está á espera dunha boa xestión de goberno que saiba aproveitalo. En Outes témolo todo: unha situación xeográfica privilexiada, patrimonio, paisaxe, gastronomía, marisqueo, sector agro-gandeiro e outros moitos recursos que poden impulsarse cunha boa xestión municipal. Por riba de todo temos xente valiosa, innovadora e emprendedora que está a agardar un goberno que a apoie e potencie.

Outes segue a precisar o mesmo que precisaba hai catro anos: un goberno que teña proxecto e iniciativa. Un goberno que traballe para arranxar o máis básico pero que tamén teña capacidade para liderar as iniciativas que fagan avanzar o noso concello. Queremos ser ese goberno innovador, eficaz e, sobre todo, en contacto constante coa veciñanza. É urxente crear un plan de mantemento e reforzar os servizos de limpeza municipal para termos os nosos viais e espazos públicos coidados, hai que rematar coa improvisación e o abandono. Faremos un arranxo integral da piscina municipal. Investiremos no saneamento integral das augas residuais, é necesario na totalidade do noso territorio, temos que coidar a nosa ría e marisco.

Queremos un concello con máis xente e máis emprego, que aposte polo asentamento poboacional e a creación de oportunidades económicas. Por iso poremos en marcha unha bolsa de vivenda, dando seguridade xurídica ás propietarias, para que poñan as súas vivendas baleiras no mercado de aluguer e promoveremos a creación de vivenda pública. Impulsaremos económicamente o noso concello da man do sector empresarial local para potenciar: o turismo sostible e de calidade; o aproveitamento dos nosos recursos marisqueiros, naturais e navais e a revitalización do noso comercio local.

Queremos uns servizos públicos dignos e de calidade. Reforzaremos e faremos xestión pública do servizo de axuda no fogar e solicitaremos unha residencia de maiores pública. Reforzaremos do persoal necesario a escola infantil municipal para incrementar as súas prazas. Crearemos un servizo de transporte municipal que atenda a todos os lugares para que, principalmente, as persoas maiores que o necesiten poidan facer as súas xestións, visitas médicas e comercio local sen preocuparse de chegar a fin de mes ou de ter quen as leve. Traballaremos pola mellora do transporte público comarcal e a creación de novas liñas de bus.

É o momento de apostar por un goberno da xente e para a xente, é o momento de facer Outes avanzar. Este 28 de maio temos unha oportunidade única de conseguir un concello cun goberno eficaz, que se preocupa por coidar o que temos e crea proxectos de futuro, que escoita e co que se pode dialogar.

cadrado_imaxe_campanha