Xuntanza con hostelaría e turismo

cartaz_hostelaria_xuntanza

O BNG de Outes xuntouse o pasado luns, 21 de xaneiro, para falar co sector de hostalaría e turismo dos problemas que o atinxen no noso concello así coma das nosas propostas, coma formación política, para mellorar a súa situación.

Xuntanza con hostelaría e turismo

O BNG de Outes xuntouse o pasado luns, 21 de xaneiro, para falar co sector de hostalaría e turismo dos problemas que o atinxen no noso concello así coma das nosas propostas, coma formación política, para mellorar a súa situación. Vaia por diante o noso agradecemento a todas as persoas que puideron asistir polas súas contribucións.

Falamos da inexistencia e necesidade que ten o noso concello da contratación tanto dun técnico de turismo, que asesore ao goberno, elabore e deseñe un bo plan de promoción, así como de puntos de información turística nos meses de tempada alta (sendo o único concello da ría que carece del). Feitos especialmente graves tendo en conta que existen liñas de subvencións, por parte da deputación da Coruña, para cubrir estes postos pero que ano tras ano o goberno actual non se preocupou en solicitar.

Entre as propostas de mellora para axudar ao desenvolvemento do sector turístico e hostaleiro que falamos estiveron:

- Mellora na sinalización dos puntos de interese e dos locais e empresas de ocio.

- Arranxo e mellora dos paseos que xa temos. É unha pena que despois de facer paseos e áreas de recreo tan bonitas se estean deixando agora esmorecer por falta de mantemento.

- Investimento para a mellora e renovación total da páxina web de turismo do concello e para a promoción nas redes sociais.

- Aposta e impulso dos traballos para a consecución da oficialización do Camiño de Santiago polo noso concello.

- Intervención para a mellora de toda a área da praia de Broña.

- Recuperación do espazo da marea do Cunchido, con unha intervención global de roteiros de sendeirismo que unan e vertebren toda a nosa costa, desde o paseo do Freixo ata o da Ponte. A xunqueira será un espazo adicada á observación de aves e as actuacións nesa zona serán integrais e respectuosas co entorno, evitando paseos de cemento cheos de luminarias.

Dende o BNG tampouco queremos ficar só no mais básico. Creemos que Outes debe ser un referente na ría en canto a un turismo de calidade e que, de verdade, invista e xere riqueza no noso concello, por iso as nosas propostas son transversais a tódolos sectores:

-Cambiar o modelo de xestión de residuos do concello: os contedores son poucos, recóllense con pouca frecuencia, están deteriorados e sucios e dan unha imaxe descoidada do concello.

-Conseguir a mellora da conexión á rede para todas as parroquias do concello.

-Posta en valor dos nosos produtos autóctonos, o berberecho non é só de Noia e os Sancosmeiros son orixinarios do noso municipio.

-Mellora do saneamento para que as nosas augas, tanto a dos ríos como a da ría se vexan limpas de produtos contaminantes que poñan en perigo a nosa maior riqueza, a natureza.

Témolo claro: Outes é un concello con gran potencial. Temos ría, temos monte, temos praia, temos patrimonio, temos gastronomía, temos identidade e, sobre todo, temos xente que quere vivir aquí e que, a pesares das dificultades e poucas oportunidades, segue loitando dende os seus pequenos negocios para saír adiante e xerar emprego. Toda esta riqueza temos que apoiala e axudala dende as institucións se queremos avanzar coma concello.

Xuntanza con hostelaría e turismo