As Xunqueiras de Outes

WhatsApp Image 2019-02-18 at 12.51.00
Lixo en Espiñeiro

Marismas, xunqueiras, humedais, mareas...nomes diferentes para definir aquelas zonas que se forman, ás veces, nas desembocaduras dos ríos na ría, que se compoñen de pradarías dominadas basicamente por xuncos e con fondos fangosos. En Outes tamén temos, chamámoslle a esa zona “a marea”, e a nosa “marea” esténdese desde o Conchido ata a Ponte Nafonso, facéndose especialmente frondosa a xunqueira na zona do Conchido, en Espiñeiro e na Ponte; tamén hai polo lado de San Cosme, neste lado chámanlle “lameán”.

As Xunqueiras de Outes

Marismas, xunqueiras, humedais, mareas...nomes diferentes para definir aquelas zonas que se forman, ás veces, nas desembocaduras dos ríos na ría, que se compoñen de pradarías dominadas basicamente por xuncos e con fondos fangosos. En Outes tamén temos, chamámoslle a esa zona “a marea”, e a nosa “marea” esténdese desde o Conchido ata a Ponte Nafonso, facéndose especialmente frondosa a xunqueira na zona do Conchido, en Espiñeiro e na Ponte; tamén hai polo lado de San Cosme, neste lado chámanlle “lameán”.


En tempos, eses lugares tiveron moita vida e aproveitamento, na “marea” do Conchido téñense bañado moitos rapaces que agora pasan dos 40 anos, daquel pequeno “muelle”, do que se tiraban os mozos nos meses de verán, saían as gamelas que levaban mercadorías e madeira dos serradoiros da Serra ata os barcos do porto do Freixo, era a zona de encontro e esparcemento para a rapazada, chea de vida. Hoxe é unha zona triste e abandonada, con galpóns pechados e unha morea de asfalto.  A curva de Espiñeiro foi unha praia moi concorrida nos anos 60 e hoxe é un vertedoiro de lixo e de fábricas en ruínas, e na Ponte era tamén o lugar da rapazada para bañarse durante xeracións, e a limpeza das augas ata permitía ver londras.O aproveitamento das xunqueiras por parte da veciñanza formaba parte dos ciclos de colleitas, a lama e os xuncos usábanse para estercar as leiras, pero non había tantos, porque debaixo da estrada a “marea” dividíase en herbais, herba salgada para as vacas que aparecía cando a auga baixaba.

Hoxe en día estas marismas, abandonadas no noso concello, son valoradas en toda Galiza para o aproveitamento turístico, a riqueza da paxarada que aniña entre os xuncos atraen ao, cada vez mais promocionado, turismo ornitolóxico. O Plan Estratéxico de Turismo, aprobado recentemente, ten como dobre obxectivo promocionar as zonas nas que se poden ver aves no seu hábitat natural e o  de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de protección destes espazos “que son un recurso de primeira orde e unha oportunidade de desenvolvemento turístico”. Isto implica algo máis que unha declaración nun papel, isto implica apoio institucional e económico: promoción e subvencións.  


E sabendo isto, que pasa con Outes?, 
Por que non se está traballando xa para a recuperación da nosa “marea”? 
Por que non unha posta en valor destes espazos de xunqueiras?  
Por que non un proxecto que inclúa a ampliación do paseo do Tines pola marea do Conchido ata a Ponte Nafonso?


Un roteiro peonil, respectuoso coa contorna, de madeira, non máis cemento e “farolas”, con casetas para o avistamento de aves e paneis informativos sobre as especies singulares de flora e fauna que viven nestes espazos húmidos. Esa é a nosa proposta, esa é a proposta que o BNG levará no seu programa para as próximas eleccións municipais. 
E mentres tanto, queremos que vexades como está, na zona de Espiñeiro, a nosa marabillosa paisaxe da ría, estas fotos revelan o gran vertedoiro de lixo no que se están convertendo as antigas instalacións da fábrica de madeira, detrás de Hormigones La Sierra de Outes, un espazo que forma parte, desde o 2004 da Rede Natura 2000 coa calificación de Zona de Especial Conservación (ZEC), dentro da Zona de Especial protección dos valores Naturais “Esteiro do Tambre” , é usada polos chatarreiros para desfacer o que recollen polas casas e camiños e separar as pezas metálicas que a eles lles serven, o resto queda aí, no noso concello, sen que ninguén lle poña remedio, coas autoridades facendo que non ven, ou non poden, ou non saben, ou non lles importa... Unha pena.

 

Soledad Agra Tuñas (Número 3 da Candidatura para as municipais do 2019)

DSC_7255_00001

WhatsApp Image 2019-02-18 at 12.50.59

WhatsApp Image 2019-02-18 at 12.51.01

WhatsApp Image 2019-02-18 at 12.51.00

As Xunqueiras de Outes