O BNG de Outes desenvolverá un plan de acción para frear a sangría demográfica

poboacionoutes
Gráfica da poboación

Queremos frear a sangría demográfica que sufre o noso concello. Pensamos que debe ser unha das máximas prioridades do goberno que comezará en maio.

O BNG de Outes desenvolverá un plan de acción para frear a sangría demográfica

María Xosé Suárez Castro, candidata á alcaldía polo BNG, manifestou hoxe que “estamos desenvolvendo o programa de cara ás próximas eleccións municipais, nel cremos que no momento de gobernar é imprescindíbel poñer a andar un plan para frear a sangría demográfica do concello”. Os últimos datos do INE amosan, un ano máis, que Outes segue sendo o concello que máis habitantes perde de toda a redonda. A resposta por parte do goberno local ante semellante realidade é cero, ningunha proposta, acción ou medida tomada nos últimos anos para tentar mitigar, tan sequera, a situación.

Outes perdeu nos últimos dez anos 1135 habitantes, se ben é certo que unha gran parte desta cifra se debe ao avellentamento da poboación, outra gran parte débese á máis que elevada taxa de emigración. Outes non só é o concello que máis habitantes perde se non que tamén é o concello con máis emigración de toda a zona. A porcentaxe de residentes no estranxeiro elévase ao 27% mentres que no segundo concello da ría con maior porcentaxe é Muros cun 18%, o que amosa unha enorme diferenza na situación real.

Dende o BNG témolo moi claro: un goberno non pode quedar de brazos cruzados ante semellante situación, urxe, con máxima prioridade, elaborar un plan de acción para frear a sangría demográfica no noso concello. Sabemos que a realidade do avellentamento non é algo que poida solucionar directamente unha entidade local coma é o goberno municipal, pero si que se poden desenvolver diferentes medidas que axuden a frear esta situación e que fagan que, cando menos, a poboación activa e nova non teña que buscarse a vida noutros municipios ou países.

Como xa defendemos noutras ocasións, e como seguiremos defendendo, o que máis precisa o noso concello para mitigar esta situación son iniciativas que axuden a fomentar emprego de calidade e axuden a establecerse iniciativas económicas sustentábeis no noso municipio.

O responsábel local, Anxo Núñez Fernández, indicou ademais que “entre as medidas a adoptar estarán”:

  • O apoio a emprendedores, autónomos e iniciativas económicas
  • A creación de axudas locais ao desenvolvemento económico rural, agrario e gandeiro
  • A creación dun parque empresarial onde dispor de solo industrial do que, actualmente, carece o noso concello
  • A aposta pola mellora dos servizos e espazos públicos
  • Promoción do concello e atracción de novos habitantes
  • Creación de vivendas públicas e axudas no aluguer á xuventude
  • Mellorar as telecomunicacións e servizos electrónicos

María Xosé Suárez Castro dixo finalmente que “o BNG, como alternativa de goberno, aspira a desenvolver este plan no novo goberno municipal que se constituirá a partir de maio, procurando o apoio da veciñanza para poder arranxar os problemas reais de Outes”.

mariaxose

O BNG de Outes desenvolverá un plan de acción para frear a sangría demográfica