O BNG de Outes denuncia a inexistencia de promoción turística para o noso concello
O BNG de Outes reclama que o goberno local realice os trámites precisos para que o concello realice unha promoción turística mínima que a día de hoxe non fai.
O BNG de Outes ven de presentar un escrito no concello para esixir que o goberno municipal inclúa nos seus plans próximos realizar algún tipo de campaña de promoción turística para o noso municipio.
Son moitas as empresas locais que se queixan periodicamente da falta de actividade por parte do concello neste sector. Nós non somos alleos ás preocupacións da nosa veciñanza e das pequenas empresas locais que aínda queren subsistir en Outes.
Dende o BNG de Outes consideramos inadmisíbel que o goberno local non mova nin un só dedo en promocionar o noso municipio, un concello que é inmensamente rico en paraxes naturais e que é descoñecido, non só polos turistas estranxeiros, se non que tamén é descoñecido no propio país.
Vivimos ano a ano unha sángrante perda de poboación debido a moitos factores. Se ben é certo que moitos deles son externos ás competencias do goberno municipal, o mesmo ente pode organizar diferentes actuacións para paliar ou incluso de tentar reverter dita situación, entre esas actuacións atópase nin máis nin menos que a promoción do noso concello, pois se ninguén nos coñece dificilmente aumentaremos en poboación.
Creemos que é imprescindíbel que o concello se encargue de promocionar o noso municipio como ben se merece para que Outes volva estar no mapa.
En Outes, a 6 de Xuño do 2017