O goberno de Outes bloquea un acto do BNG de xeito arbitrario

DSC_0035
Goberno do PP

O goberno de Outes bloquea un acto do BNG de xeito arbitrario

O goberno de Outes bloquea un acto do BNG de xeito arbitrario

Dende o BNG da Comarca Muros-Noia levamos un tempo organizando unha festa popular para a celebración previa ao Día da Patria. O consello comarcal decidiu como lugar óptimo para o desenvolvemento da propia o concello de Outes xa que conta cunha posición xeográfica perfecta e cos espazos públicos precisos.

A sorpresa foi cando recibimos unha resposta por parte do goberno local do PP dicíndonos que non nos ían conceder o permiso para a celebración da festa.

O argumento que sostén o PP é que xa tiñan programado outro acto no municipio para o mesmo día e que entenden que non debe haber máis de un acto ao mesmo tempo en todo o concello. Un argumento absurdo tendo en conta que na data solicitada e nesa hora o espazo público a conceder está absolutamente libre e non imposibilitaría en ningún momento o desenvolvemento normal do outro acto en cuestión.

Non é un argumento aceptábel xa que en calquera outro concello pódese desenvolver máis de un acto ao mesmo tempo en toda a localidade, sería absurdo pensar que para desenvolver calquera actividade en Outes tivésemos que reservar os 100KM2 que comprenden o municipio.

Entendemos que son dous tipos de eventos completamente diferentes e que non suporían en ningún momento unha molestia que se celebren ao mesmo tempo en diferentes partes da nosa localidade.

É unha mágoa que o BNG teña que rematar celebrando as súas actividades fora do concello de Outes tendo en conta que suporían un impacto económico e social altamente positivo para o municipio, pero como xa temos dito: o goberno do PP quere rematar coa pouca vida que queda en Outes.

Dende o BNG consideramos isto coma un xesto arbitrario e que amosa unha completa carencia de sentido democrático. O PP goberna o concello de Outes coma se fose a súa propia casa cando é o fogar de todas e todos os veciños.

O goberno de Outes bloquea un acto do BNG de xeito arbitrario