O BNG denuncia que outro ano mais o goberno do PP de Outes non solicita oficina de turismo
O noso concello segue sen ningún tipo de promoción por parte do consistorio. Temos unha localidade con gran potencial que o goberno non sabe apreciar e que manten en abandono constante.
Dende o BNG xa denunciamos mais dunha vez a inexistente promoción do noso concello desenvolvida polo goberno do PP. Por desgraza vimos de constatar un ano mais que o consistorio non se dignou sequera a solicitar a subvención que ofrece anualmente a deputación da Coruña para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo para este ano.
Consideramos un grave erro que o goberno non pense na posibilidade de solicitar dita subvención outro ano mais pois deixa o noso concello sen a oportunidade de abrirse non só a Galiza, se non ao mundo.
Dende o BNG defendemos que a nosa localidade conta cun gran potencial en todos os eidos, tamén no turístico, e que polo tanto merecemos estar presentes no panorama deste sector.
É unha vergoña que a nosa alcaldesa visitara a FITUR en xaneiro presumindo nunha entrevista da grande labor que desenvolven para que o noso municipio estivese limpo, decente e promocionado para este verán e despois non se dignen a cubrir unha sinxela solicitude que suporía un grande beneficio para a nosa veciñanza.
Dende o noso grupo non nos rendemos e seguiremos a loitar para que o noso concello ocupe o lugar no mapa que lle corresponde. Outes merece un goberno que traballe.