Intervención do BNG de Outes na moción de censura do 2025

Compartimos convosco o texto da intervención de Anxo Núñez Fernández coma tenente alcalde e voceiro do GM do BNG de Outes na moción de censura debatida o 25 de febreiro de 2025:
Mirade un momento ao concelleiro Jose Antonio Caamaño.
Agora, mirade outro momento ao candidato desta moción, Francisco Calo Abelleira.
Estas son as dúas persoas, os dous grupos que nos últimos meses se adicaron a facer de Outes un espectáculo e a autonomearse os heroes dunha crise que eles mesmos inventaron. Un deles é o voceiro do Partido Popular e o outro o candidato tránsfuga do Partido Socialista. Que teñen en común estes dous partidos? Supostamente non se presentan ás eleccións como alternativa o un do outro? Que teñen en común estas dúas persoas?
Eu teñoo moi claro: o que estamos a vivir estes días é o secuestro do concello unica e exclusivamente co fin de satisfacer os intereses persoais e económicos dun e as ansias de poder e cálculos electoralistas doutros. Todo a costas da veciñanza de Outes.
De súpeto, da nada, logo de acordar importantes investimentos para o noso concello e de funcionar con absoluta normalidade coma goberno comezaron unha sucesión de eventos unilaterais dirixidos a deixar na opinión pública que había problemas no goberno cando a realidade era que viñamos mantendo o ton cordial e construtivo de sempre nas reunións semanais que facíamos dende o executivo. O propio Antonio Caamaño declarou a semana pasada ao xornal El Correo Gallego que xa tomara a decisión de abandonar o goberno o pasado mes de novembro. Como se entende entón que en Xaneiro fixera unha reflexión pública sen antes dicirlle nada aos seus compañeiros de goberno?
Vou repasar os sucesos desta trama:
- Decisión tomada e probable negociación co PP no mes de novembro ou antes
- No pleno de decembro fai unha intervención vergoñenta para amosar un suposto desgaste
- En xaneiro publica na prensa a falsa reflexión pública ao estilo Pedro Sánchez
- Dalí a un mes, e non en 5 días, dimite supostamente e segundo as súas palabras por culpa dun espello e dúas farolas que estaban sen arranxar
- Unha semana exacta despois presenta co grupo municipal do PP a moción de censura
Isto é unha auténtica tomadura de pelo aos Outenses, un atentado contra o sentir maioritario da veciñanza expresado nas urnas do 2023 e un acto de corrupción ética e política. Se no mes de novembro xa estaba tomada a decisión o que foi acontecendo nas seguintes semanas foi a creación dun relato de desgaste interno no goberno para poder xustificar o inxustificable: unha moción de censura anti-natura que non atende a motivos políticos. Esta moción preséntana só por motivos económicos e persoais que aínda están por coñecer se é que algunha vez saen todos ao público. O interese do Partido Popular está claro: chegar ao goberno de Outes a calquera prezo, aínda que sexa mercando voluntades e abusando da norma. Hoxe están a secuestrar o concello de Outes.
É realmente triste ver como uns poucos pretenden tumbar con xogo sucio a un goberno lexítimo que estaba funcionar correctamente mañás, tardes, noites e fins de semanas, o tempo que fixera falla. Quero agradecer a Manuel González, alcalde, e ao resto de compañeiros que facemos parte deste goberno polo ton cordial e construtivo que mantivemos sempre dende o primeiro momento. Este goberno estaba a conseguir fondos doutras administracións para levar adiante iniciativas necesarias no noso concello. Un goberno de coalición que apenas ten un ano e medio de recorrido pero que deixa os deberes feitos con case 2,5 millóns de euros en 50 obras aprobadas para executar ao longo deste ano: A renovación do campo de fútbol, o cambio da cuberta da piscina, o cambio a luminarias LED nas instalacións deportivas. A nova sede da escola tradicional na escola vella de Roo, o cambio da cuberta da escola de música, o cambio de cuberta do centro social, as humanizacións de doutor esperante, da Praza do Concello e o remate da rúa da Capela. A renaturalización do paisaxe e o miradoiro de Vista Alegre. O asfaltado da rúa do Cristo na Serra. A creación de novas sendas peonís entre a praza do bosque, a piscina e o Areal. A mellora de camiños en Ousesende, Gulfián, Brión, Viladomonte, Famelga, Costa da Grela, Braño, Viro, Siavo, Mirás, Cambeiro, Albeida. A mellora do acceso á variante en Viro. O arranxo de estradas en Ribas de Mar, Seilán, Vilardigo, Ánseres, Cernadas, Ribeira do Freixo, Lestelle, Esperante. A mellora de saneamento e pavimentación de lugares en en Outes, os Muíños, Cruceiro de Roo, Lagoa, Famelga, Cambeiro, Moledo, Sendón, Cando de Arriba, Catasueiro, Lantarou.
Un goberno que, pese os bulos e fake news estaba a pagar en tempo e forma aos proveedores e tiña unha previsión económica correcta tomando as decisións necesarias para que as contas municipais estiveran saneadas. Un goberno que deixa aprobado o solo industrial polo que o Partido Popular non movera nin un dedo. Este goberno apostou por estimular e impulsar os novos emprendedores e a creación de emprego no noso concello. Coidamos do rural pelexando coas administracións e empresas para asegurarse de que non queda unha soa aldea sen servizos e telecomunicacións como por exemplo a parroquia enteira de Outes e lugares como Cabanamoura ou as novas torres de telefonía de Santo Ourente e Roo. Conseguindo recuperar paradas de bus en San Lourenzo ou en Tarás. Un goberno que aposta pola cultura e o turismo de calidade e que quería poñer a Outes coma referente neste eido.
En resume: un goberno que estaba a traballar a toda marcha e coas ideas ben claras.
Ese é o motivo polo que presentan a moción agora, porque queda feito o traballo que non se ve, o de planificación e deseño. Agora o que queren é vir facerse coa alcaldía e lucir as obras que xa estaban programadas.
Por moito que mintan e por moito que insistan esta moción de censura non a fan para salvar a Outes, fana para salvarse a si mesmos. Se tan seguros estaban de que ían gañar as eleccións no 2027 como é que non agardan a que a veciñanza decida por si mesma? A realidade é que sabían que o estábamos a facer ben e por iso era necesario frearnos, precisaban asegurarse de estar na alcaldía cando cheguen as vindeiras eleccións.
Esta moción de censura e o circo mediático que montaron tanto o Partido Popular como Antonio Caamaño fanlle dano ao concello de Outes e á nosa veciñanza. Faille dano porque en troques de empregar os seus esforzos en construír en positivo adicáronse a destruír e facer ruído, porque obrigaron a desperdiciar tempo e esforzo a este esperpento, porque o barullo e o bochorno mediático ao que someteron o nome de Outes tardará moito tempo en limparse. Esta é unha gran mancha na historia do noso concello.
Estes son os tipos de accións que difaman á política en xeral e promoven a desconfianza nas administracións públicas. A política, para nós, é unha maneira de facer as cousas, unha maneira de ver o mundo, é a ferramenta para mudar a vida da cidadanía e traballar por un futuro mellor. A veciñanza votounos para gobernar, para dar resultados. Non nos votou para os espectáculos, chanchullos e mercadeos que viñeron facer hoxe aquí.
En política hai diferentes maneiras de chegar ao poder, nós co apoio da veciñanza pero, con esta moción de censura, o Partido Popular xa leva unha alcaldesa nomeada a dedo, que, como vimos hoxe, previsiblemente será a alcaldesa na sombra, e un alcalde que quere entrar comprando ao representante dos veciños que votaron ao Partido Socialista.
Fran Calo, de verdade estás disposto a todo para chegar á alcaldía? Estás seguro que logo deste bochorno público unha das primeiras cousas que vas facer é cometer prevaricación para cumplirlle o gusto e darlle salario e cargo a Antonio Caamaño? De verdade vos creedes as vosas proclamas de transparencia cando aínda non fixéchedes público, se quera, o voso pacto de goberno? Ten que ser ben triste convertirse en alcalde pola porta grande da corrupción política. Con isto xa nos podemos imaxinar, por desgraza, que lle deparará a Outes nestes anos que veñen.
Antonio Caamaño, estás seguro do que estás facendo? Non ves que che enganaron e enganan todo canto queren? Liches ben o informe sobre as consecuencias que che traería o teu transfuguismo?
Se calquera dos concelleiros que asinachedes a moción de censura aínda vos queda un mínimo de dignidade, aínda vos queda algo de amor por este concello e a súa xente, se aínda tedes algo de respecto por esta terra: hoxe tendes a última oportunidade para arranxar esta situación mudando o sentido do voso voto. Se finalmente decidides aprobar esta moción a vosa traizón ao pobo de Outes quedará gravada para sempre.
Ao comezo da miña intervención pedinvos que mirarades para os dous responsables directos deste día fatídico para Outes. Agora, para rematar, vouvos pedir que olledes para nós.
Con isto, quero dirixirme a todas e todos vós: á veciñanza de Outes. Se sentides, coma nós, carraxe e decepción ante esta situación, se sentides que isto non debería pasar pídovos que fagades de altavoces para pregoar isto na rúa, nos bares, coa familia e coas amizades. Pídovos que gardedes ben na memoria o día de hoxe e o teñades en conta, que as inxustizas non nos ceguen e non nos deixen indiferentes. Sabede que en nós sempre atoparedes quen vos escoite e quen se preocupe polo concello e as necesidades do pobo. Sabede que en nós teredes unha oposición constructiva, traballadora e atenta. Sabede que non imos a rendirnos, que imos a traballar para volver e para cumplir co pobo. Sabede que foi, para min, un pracer e unha honra servir este tempo como tenente alcalde e concelleiro do goberno de Outes e que seguirá a selo como voceiro do BNG na oposición de prosperar esta moción.
Por Outes, para Outres e sempre en Outes!