Sobre a oficina de turismo en Outes

Ao concello de Outes acaba de aprobarlle, a Deputación da Coruña, unha subvención de 18.160 euros, para a contratación de persoal para información turística. É unha subvención que se leva convocando moitos anos e que o noso concello nunca solicitara a pesares da insistencia dos hostaleiros, este ano alegrámonos de que nos fixera caso. 

Sobre a oficina de turismo en Outes

Ao concello de Outes acaba de aprobarlle, a Deputación da Coruña, unha subvención de 18.160 euros, para a contratación de persoal para información turística. É unha subvención que se leva convocando moitos anos e que o noso concello nunca solicitara a pesares da insistencia dos hostaleiros, este ano alegrámonos de que nos fixera caso. 

A solicitude desta axuda viña condicionada á existencia dun punto de información turística e, para os concellos que non o teñen, a solicitude tiña que ser a través dunha agrupación de concellos, supoñemos que este é o caso de Outes. 
Así que agora seguimos preocupados, se os 18 e pico mil euros van ser repartidos entre varios concellos, cando nos tocará a nós?, un día á semana? Dous?. Xa sei que temos que dicir que sempre é mellor algo que nada, pero se nos toca en luns e martes de 9 a 14 horas, por exemplo, e o poñemos nunha oficina da Casa da Cultura, pois...que queredes que vos diga, sería como tirar os cartos.
Outes precisa unha oficina de información turística no centro, ben visible, sinalizada, en horario compatible coa vida dos turistas, quero dicir, que abra na fin de semana e tamén algo pola tarde, aínda que non abra cedo pola mañá, de que vai valer ter unha persoa sentada nun despacho de oito a tres de luns a venres, se ninguén o vai saber?. 
Despois, e xa postos a pedir, tamén estaría ben ter algún folleto de información turístico propio, (hai un de fai moitos anos, moi cativo), e non só os que temos en común toda a ría de Muros e Noia, (que agora promocionamos co nome de Ría da Estrela), no que de Outes só sae Pontenafonso e Santo Ourente, que non vou dicir eu que San Campio non sexa importante, que é da miña parroquia e para min é a mellor festa, pero igual hai que ter en conta que a igrexa non está aberta senón é á hora da misa e que os Sancosmeiros, por desgraza, non os temos en ningún museo ou centro de interpretación con exposición permanente, no que teñamos ademais opción de ofrecerlle aos turistas poder mercalos, así que os turistas chegarán a Santo Ourente e andarán un pouco perdidos buscando os recursos, San Campio e os Sancosmeiros, que se lle ofrecen nese folleto. 

Dende o BNG de Outes propoñemos as seguintes medidas:
habilitar un lugar céntrico ben sinalizado para crear unha oficina de información turística
abrir a oficina de información turística durante a tempada alta en horario de 10 a 18 h., de mércores a domingo
elaborar uns folletos só cos recursos turísticos do concello: praias, paseos, patrimonio arqueolóxico, gastronomía (o berberecho non é só de Noia), miradores, etc., e coa oferta de turismo activo 
sinalizar axeitadamente os locais e recursos turísticos
contratar a un técnico de turismo (non é o mesmo que un informador) para que elabore un plan de promoción que nos permita dar a coñecer Outes nas feiras de turismo, será unha persoa que colaborará co sector para investir os cartos (tanto o orzamento que o concello destine a turismo como o que se consiga a través da tramitación de subvencións) en proxectos consensuados.
Promover a colaboración dos clubs deportivos do concello (fútbol, piragüismo, equitación, baloncesto, atletismo, bicicletas, caza e pesca, etc.) co sector turístico (hospedaxe, restaurantes, bares, cafeterías, pubs, empresas de turismo activo, etc.) e incluso co comercio, para elaborar campañas e eventos conxuntos.
Porque para o BNG de Outes o sector turístico é un dos sectores clave como dinamizador do noso concello e para a creación de emprego e, cremos que debe ser complementado cunha ampla oferta deportiva: sendeirismo (abrindo e sinalizando máis rutas, favorecendo tamén a promoción do Camiño de Santiago pola ría de Muros e Noia ao seu paso polo noso territorio), BTT, barranquismo, kayak polo Tambre, paseos a cabalo, avistamento de aves e moito máis, e non só para os que nos visiten, senón tamén para o noso desfrute, para as veciñas e veciños que vivimos aquí.  Porque en Outes témolo todo: costa, praias, montes, ríos, montañas, camiños, monumentos, gastronomía, patrimonio inmaterial... e a menos de media hora da capital de Galiza, cando desdobren o corredor xa non van quedar escusas para non vivir aquí aínda que se traballe en Santiago!

Sobre a oficina de turismo en Outes